Iván González, o diamante en bruto da natación artística galega que se forma en Pontemuíños

Pontevedra
24 de decembro 2022

O nadador, de categoría alevín e con só dous anos de experiencia nun deporte de tradición feminina, acaba participar en Barcelona nunha concentración cos 16 nadadores máis prometedores do país

Iván González, nadador artístico do Galaico Sincro
Iván González, nadador artístico do Galaico Sincro

Un novo talento estase a formar nas empobrecidas instalacións de Rías do Sur. Con pouca luz, cunha temperatura da auga cambiante cambiante e nunha piscina de reducidas dimensións poboada por decenas de deportistas, Iván González avanza a pasos axigantados na súa formación como nadador artístico.

Con só 11 anos e apenas vintecatro meses de experiencia nun deporte de arraigada tradición feminina, o nadador do Galaico Sincro acaba de regresar dunha concentración en Barcelona na que compartiu adestramentos cos 16 nadadores máis prometedores do país.

"Practico natación sincronizada desde os 9 anos. Vía adestrar ás nenas e gustábame", explica o mozo pontevedrés como se animou a probar unha disciplina que é "máis ou menos" difícil e na que desexa "seguir practicando".

"Eu vou a todas as competicións que hai", defende con orgullo e co obxectivo inmediato de volver participar nos campionatos de España da súa categoría. Pero a longo prazo, o seu soño é, como o de todos os deportistas, participar nuns Xogos Olímpicos.  

Unha das encargadas de puír a este pequeno diamante é Chus Refojos. A súa adestradora no Galaico Sincro desfaise en eloxios cara ao seu prometedor pupilo. "É o segundo ano que está connosco e ten moitas ganas. É un mozo moi flexible e ten moitísima creatividade. Eu creo que atopou aqui o seu deporte", afirma riseiro. 

No equipo pontevedrés, Iván comparte espazo de adestramento con outro nadador masculino: Juancho Hernández, que é toda unha referencia para o mozo.

"Aínda hai poucos rapaces que compiten no noso deporte", recoñece Refojos. En Galicia, o número é moi escaso, pero en España non deixa de crecer. "Estamos a ver que cada vez en máis clubs hai máis mozos en figura e rutina", recoñece a adestradora.

Un feito que quedou demostrado coa concentración de novas promesas que acaba de concluír na cidade condal. "Estivo cos 16 mellores nenos alevíns e infantís e foi unha experiencia brutal. Está afeito estar sempre con nenas, pero compartir adestramentos con outros nenos é algo que lle motiva máis para seguir mellorando", sostén a preparadora. 

Esta concentración foi unha iniciativa da Federación para fomentar a presenza masculina na natación artística. A selección realizouse por vídeo. "Preparamos unhas probas de seco, de auga e de rutina. Empezamos en setembro, logo enviamos os vídeos e a adestradora elixiu aos 16 mellores", explica Refojos como seleccionaron ao seu pupilo. 

Durante a estancia en Barcelona, o grupo centrouse en traballar co novo regulamento e en mellorar a súa técnica. "Agora faranlles un seguimento para que sigan mellorando e formándose ano tras ano", sinala Chus.

A preparadora está convencida de que a presenza de mozos na natación artística ha chegado para quedar. E non para crear unha sección masculina, máis ben para integrarse na feminina. "O dúo mixto está en auxe, a integración é brutal e é algo que está moi ben", conclúe a adestradora do Galaico Sincro.