Iván Martínez dálle ao Froiz o Campionato de Castela A Mancha

Pontevedra
24 de maio 2018

O ciclista do equipo alimenticio impúxose no XLI Trofeo Santa Quiteria en Higueruela (Albacete), que albergou o campionato autonómico de ruta elite e sub-23

Iván Martínez, na presentación do Supermercados Froiz na tempada do seu 30 aniversario
Iván Martínez, na presentación do Supermercados Froiz na tempada do seu 30 aniversario / Mónica Patxot

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz engadiu unha vitoria máis no palmarés da tempada ao levar o campionato autonómico de Castela A Macha de ciclismo en ruta.

Iván Martínez proclamouse vencedor do campionato desta rexión na categoría elite, ao impoñerse no XLI Trofeo Santa Quiteria disputado en Higueruela (Albacete).

O percorrido da proba era de 146 quilómetros, dando diferentes voltas a un circuíto longo e outro curto máis perfilado na contorna da cidade albaceteña.

Foi unha carreira rápida na que Martínez atacou a falta de 40 quilómetros nunha das subidas xunto a tres corredores máis. Despois, a falta de escasos quilómetros a meta, arrincou para chegar en solitario alzándose co triunfo.