Jabato e o Cisne danse de prazo ata este venres 3 para decidir o futuro do técnico

Pontevedra
01 de xuño 2022

O club pontevedrés quere que o seu técnico continúe no equipo tras o ascenso á Liga Asobal, pero a decisión é do propio Jabato, que valora se ve posible continuar compaxinando o seu labor deportivo coa súa vida laboral e persoal

Jabato, no partido de División Honra Prata entre Cisne e Trops Málaga
Jabato, no partido de División Honra Prata entre Cisne e Trops Málaga / Cristina Saiz

Un par de días máis de reflexión déronse o Club Cisne Balonmán e Javier Fernández 'Jabato' para confirmar o futuro do técnico tras o ascenso do equipo pontevedrés á Liga Asobal.

O preparador pactou co presidente cisneísta Santiago Picallo, con quen compartiu unha cea esta mesma semana, que decidirá como moi tarde o vindeiro venres 3 de xuño sobre a oferta de continuidade que ten enriba da mesa.

Picallo non escondeu desde o ascenso que a súa prioridade era atar a renovación do adestrador. "Non imos atopar a ninguén mellor que el", sinalou entón, pero a situación de Jabato é diferente á de fai un par de tempadas, no primeiro salto á Liga Asobal, e valora se ve posible continuar compaxinando o seu labor deportivo coa súa vida laboral e persoal, dada a esixencia que supón competir na elite.

O preparador do Cisne chegou ao club no verán de 2016 para comandar un proxecto que foi crecendo ano a ano ata conseguir dous históricos ascensos á Asobal, á vez que foi consolidando a forza das súas categorías inferiores.

A decisión de Jabato será a primeira pedra sobre a que construír o novo proxecto, sobre todo en caso de ter que buscar un substituto. A partir de aí a idea do Cisne é clara, manter á gran maioría dos seus canteiráns e reforzar o plantel nun par de postos clave co obxectivo de tentar pelexar pola permanencia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora