Jaouad Erraji, central internacional sub-23 con Marruecos, chega cedido polo Leganés ao Pontevedra

Pontevedra
01 de setembro 2019

Internacional coa selección de Marruecos sub-23, coa que se atopa convocado, estará ao longo de toda a semana entrante coa súa selección, tendo previsto incorporarse ás ordes de Luismi o martes día 10 de setembro. Chega en calidade de cedido, ata final da presente tempada

Jaouad Erraji, defensa central cedido polo Leganés
Jaouad Erraji, defensa central cedido polo Leganés / CD Leganés

Case ao límite do prazo, o Pontevedra atopou unha das pezas que buscaba para apontoar o seu plantel. Trátase de Jaouad Erraji, central de 21 anos de idade (ocupa por tanto ficha sub-23), procedente do CD Leganés, en cuxo equipo filial militaba chegando a realizar a pretemporada co primeiro equipo pepinero, ás ordes de Mauricio Pellegrino.

Internacional coa selección de Marruecos sub-23, coa que se atopa convocado, estará ao longo de toda a semana entrante coa súa selección, tendo previsto incorporarse ás ordes de Luismi o martes día 10 de setembro. Chega en calidade de cedido, ata final da presente tempada.

DEMÓRASE O REGRESO DE MEJÍA

Mentres tanto, no club granate seguen esperando o regreso do hondureño Alfredo Mejía, que a pasada semana viaxou ao seu país co fin de efectuar os trámites legais para obter o visado de traballo.

Aínda que a súa volta parece que se demorará ata o vindeiro mércores ou xoves, no club hai confianza en recibir a documentación que falta antes do luns a medianoite, límite do prazo para a inscrición de xogadores, pero se así non fose, entenden fontes próximas ao club que ao tratarse dun xogador con ficha profesional en paro, podería ser inscrito mesmo posteriormente a ese prazo.