Javi Gómez Noya regresa ás Series Mundiais en Yokohama

Pontevedra
11 de maio 2017

O triatleta galego, líder do Mundial, quere reforzar a súa posición conseguindo o seu segundo triunfo da tempada nunha proba que retoma a distancia olímpica, máis propicia para el. Na lista de saída, ademais de Mario Mola ou Fernando Alarza, figura o británico Jonathan Brownlee. A carreira, este sábado (6:00 horas en España)

Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Gold Coast
Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Gold Coast

Reforzar o liderado nas Series Mundiais é o obxectivo de Javi Gómez Noya este sábado (6:00 horas en España) na terceira cita da tempada, que se disputa na localidade xaponesa de Yokohama.

O tritaleta galego estreou ano con vitoria en Abu Dhabi e finalizou cuarto na segunda proba en Gold Coast, en distancia sprint, e aspira agora a un segundo triunfo na volta á distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pé), que se adapta mellor ás súas características.

Non será unha meta sinxela, xa que na lista de saída en Xapón figuran, ademais dos españois Mario Mola ou Fernando Alarza, o británico Bishop ,que plantou cara a Gómez Noya en Abu Dabhi, e un dos seus principais rivais nos últimos anos, Jonathan Brownlee, no que será a súa estrea esta tempada no Mundial.

Despois de dúas carreiras as Series Mundiais están lideradas por Javi Gómez Noya con 1.433 puntos, sendo segundo o surafricano Richard Murray (1.326), ausente en Yokohama, e terceiro o talaverano afincado en Pontevedra Fernando Alarza (1.318).