Pisicis xa ten ao reforzo que quería para a súa liña defensiva, minguada nas últimas datas polas lesións. Trátase de Javi Veloso, futbolista que chega en calidade de cedido ata final de tempada polo Coruxo vigués, segundo confirmou o Arosa este mércores nun comunicado.
Formado nas categorías inferiores de Colegio Hogar e Celta de Vigo, Veloso chega ao club de Vilagarcía na busca de minutos que lle devolvan a confianza perdida tras unha grave lesión de xeonllo.
O futbolista lesionouse o pasado mes de xuño, doenza da que se atopa plenamente recuperado.
"Teño moitas ganas de empezar, estou a adestrar ben co Coruxo e tentando poñerme a ton", recoñeceu á web do seu novo club, na que se definiu como "un lateral novo e reconvertido, por tanto ofensivo".
O xogador podería non ser a última incorporación, xa que o club traballa na fichaxe dun futbolista ofensivo que complete o plantel.