Pontevedra segue a descontar os días para vivir por segunda vez os Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon, que se celebrarán na Boa Vila do 20 ao 29 de xuño.
Ademais da programación deportiva, aos poucos vanse coñecendo detalles da programación paralela que completará o evento, e que converterá á cidade en todo un centro de actividade.
A nivel deportivo celebraranse os campionatos do mundo de dúatlon (21 de xuño), tríatlon cros (24 de xuño), dúatlon cros (26 de xuño), acuatlón (27 de xuño), aquabike (29 de xuño) e tríatlon de longa distancia (29 de xuño).
Pero o Multisport será moito máis, e do mesmo xeito que en anteriores eventos a música ocupará un papel destacado.
De feito, segundo avanza a Federación Española de Tríatlon, Pontevedra "tamén acollerá un festival de música e actuacións ao aire libre no centro da cidade", ademais da exposición da propia competición e coincidindo con citas como a Bienal de Arte ou as festas do Orgullo e a Diversidade.
Non faltarán tampouco o tradicional xa desfile de participantes e as cerimonias de apertura e clausura dos mundiais.
Nesta última, a cerimonia de clausura, a Federación confirma quen será protagonista cunha actuación musical, moi vinculada ao mundo do tríatlon xa que subirá ao escenario o grupo 'Liorta', ao que pertence Javier Gómez Noya.

O pentacampión mundial en modalidade olímpica, agora adestrador do equipo nacional español, xa actuou co seu grupo de rock durante as Series Mundiais de 2023, aínda que naquela ocasión fíxoo nun formato máis reducido na Sala Karma.
Gómez Noya será ademais un dos embaixadores do Mundial e "estará moi presente nas distintas probas e actividades", avanza a Federación.