Javier Gómez Noya recibe a orde olímpica do COE

Pontevedra
12 de decembro 2019

O triatleta galego recibiu este mércores en Madrid a máxima distinción que o Comité Olímpico Español outorga a un deportista

Javier Gómez Noya recibe a orde olímpica do COE
Javier Gómez Noya recibe a orde olímpica do COE / Comité Olímpico Español

O Comité Olímpico Español (COE) recoñeceu este mércores na súa gala anual os méritos e achega aos valores deportivos de Javier Gómez Noya.

O triatleta galego recibiu de mans do presidente do COE, Alejandro Blanco, a Orde Olímpica, máxima distinción que outorga o Comité a un deportista.

"É un día bonito, sempre que recoñecen os teus méritos e o teu traballo é algo bonito", recoñeceu na véspera da gala Gómez Noya, no acto de presentación do club Motobike Poio Galaico.

Javi Gómez Noya compartiu o recoñecemento con outro triatleta como Iván Raña, ademais de con o ex-ximnasta Jesús Carballo, o taekwondista Joel González, a piragüista Maialen Chourraut, as nadadoras Teresa Perales e Erika Villaécija e a ex-esquiadora e actual presidenta do Consello Superior de Deportes, María José Rienda.

Durante a gala anual do COE entregáronse tamén outras distincións como os Premios a Institucións, Placas de Recoñecemento, Placas Olímpicas ao Mérito Deportivo, Premios COE, Premios Valores Olímpicos ou Deportistas Destacados.