O Club Cisne Balonmán di adeus ao seu capitán, Javi Vázquez 'Javiva'.
O extremo, dos poucos xogadores que viviu o ascenso desde Primeira Nacional a División de Honra Prata e que despois chegou a gozar co Cisne da Liga Asobal, deixará o equipo ao final da presente tempada.
"Chegou un deses momentos que nunca queres imaxinar", asegura nun vídeo de despedida publicado polo que foi o seu club desde os 6 anos.
Foron en total "25 tempadas nas que puiden gozar dos mellores momentos na historia do club, do que ningún neno que empeza a xogar aos 6 anos no club podía imaxinar", afirma Javiva.
"Conseguín un ascenso a Prata, sufrimos durante moitas tempadas en Prata, conseguimos dous ascensos a Asobal, e todo isto nun club familiar, cos meus amigos e arroupado por toda a miña xente", completa agradecido a todos os que lle acompañaron no camiño.
❌ BAIXA | Hoxe toca despedir a un xogador da casa. Javi Vázquez desvincúlase do Club Cisne tras toda unha vida ligado ao noso escudo.
— Club Cisne Balonmano (@ClubCisneBalonm) May 14, 2025
... pic.twitter.com/U0a4um7tgs
Trátase da segunda saída destacada no Cisne, que tamén confirmou recentemente a marcha de Mateo Arias, no seu caso para xogar na Liga Asobal co Villa de Aranda.
ENTRADA DE BALDE CONTRA O BM LANZAROTE
Se todo sae como se espera na entidade pontevedresa, o último partido de Javiva e de Mateo Arias será o do próximo sábado 17 de maio contra o BM Lanzarore (19.00 horas), un choque no que o Cisne debe buscar o triunfo para esquivar a promoción pola permanencia.
Debido á importancia do partido, ante un rival que chega xa descendido, a directiva cisneísta decidiu establecer entrada de balde para os afeccionados que se acheguen ao Pavillón Municipal dos Deportes.