O Club Baloncesto Arxil atopou á xogadora que tentará cubrir o oco deixado no equipo pola colombiana Narlyn Mosquera tras a súa sorpresiva marcha.
Trátase da pívot serbia Jelena Budimir, toda unha trotamundos do baloncesto e que aos seus 32 anos chega a Pontevedra procedente do Apollon Limassol chipriota.
Budimir, con 1,92 metros de estatura, participou na liga universitaria estadounidense e posteriormente pasou por equipos en Hungría, Francia, Turquía ou Chipre.
A intención do Arxil é que a súa nova xogadora, que ten previsto incorporarse aos adestramentos este mesmo xoves, poida formar parte xa da convocatoria para o choque do domingo (13:00 horas en Barcelona).
Jelena Budimir estará a proba no conxunto pontevedrés ata o Nadal, coa opción de continuar ata final de tempada.