Jerin Ramos e Adri Argos, primeiras fichaxes para o novo Pontevedra CF

Pontevedra
04 de xullo 2026

Ramos, internacional con Cabo Verde, chega a Pasarón procedente do Ourense CF. Argos, pola súa banda, faino desde o Rayo Cantabria, filial do Racing de Santander

Jerin Ramos e Adri Argos, novos xogadores do Pontevedra CF

Despois de semanas nas que as despedidas foron protagonistas, a última delas leste mesmo sábado a de Víctor Eimil, o Pontevedra anunciou as súas primeiras fichaxes para a tempada 2026-2027.

Trátase de Jerin Ramos e Adri Argos, segundo confirmou o club hai escasos minutos.

O primeiro deles, internacional con Cabo Verde, chega a Pasarón tras varias campañas defendendo a camiseta do Ourense CF.

Alí, este centrocampista de 30 anos consolidouse como unha das referencias do conxunto ourensán grazas á súa regularidade, capacidade táctica e liderado sobre o terreo de xogo.

Formado na canteira do Racing de Santander, Jerin deu o salto ao primeiro equipo cántabro antes de continuar desenvolvendo a súa carreira no fútbol nacional.

Desde a entidade granate destacan que é un xogador que destaca pola súa polivalencia, podendo actuar tanto como mediocentro defensivo como en posicións máis atrasadas da zaga, achegando equilibrio, intensidade e experiencia.

Adri Argos, pola súa banda, chega procedente do Rayo Cantabria, filial do Racing de Santander.

O lateral dereito, que ten 22 anos, é un defensor con percorrido, intensidade e capacidade para incorporarse ao ataque, calidades que lle permiten achegar profundidade por banda sen descoidar o traballo defensivo.

A súa mocidade, unida á súa marxe de crecemento, converten a súa chegada nunha aposta de presente e futuro para o club, subliñan os responsables do Pontevedra CF.