Jéssica Bouzas avanza a segunda rolda na fase previa de Wimbledon

Pontevedra
27 de xuño 2023

A tenista arousá enfrontarase en segunda rolda á francesa Clara Burel, número 104 da clasificación WTA e cabeza de serie número 8 da fase previa, no penúltimo escollo antes de chegar ao cadro principal

Jéssica Bouzas, no W15 de Villena
Jéssica Bouzas, no W15 de Villena / Juan Carlos Ferrero Sport Academy

A tenista arousá Jéssica Bouzas debutou este martes sobre a herba de Wimbledon con vitoria na primeira rolda da fase previa do prestixioso grand slam británico.

A pontevedresa, que ocupa o posto número 167 do ranking WTA, desfíxose neste primeiro dos tres enfrontamentos que debe superar para meterse no cadro principal da tenista da India Ankita Raina en tres sets (3-6, 7-6 e 6-1).

O encontro durou dúas horas e vinte e seis minutos no que Bouzas comezou perdendo o primeiro set. A fortaleza mental da vilagarciá serviulle para afrontar con personalidade os dous sets posteriores e obrar a remontada. Para igualar contenda tivo que forzar o tie break, mentres que no terceiro e definitivo set desfíxose da súa rival pola vía rápida cun contundente 6-1 pechando o triunfo na súa primeira bóla de partido.

A súa próxima rival será a francesa Clara Buret, cabeza de serie número 8 desta fase previa. Instalada no posto 104 da clasificación WTA, Burel xa sabe o que é disputar a fase final do torneo de Wimbledon. Fíxoo no 2021 e no 2022, sen lograr avanzar máis aló da segunda rolda. Tamén ten experiencia no Open de Australia, Roland Garros e US Open, polo que será un difícil enfrontamento para a prometedora tenista galega.

A disputa desta eliminatoria terá lugar entre os días 28 e 29 de xuño e o horario dependerá da duración do resto de enfrontamentos.