Jéssica Bouzas avanza a terceira rolda do WTA 1000 de Pequín

O Salnés
27 de setembro 2025

A tenista de Vilagarcía venceu a ucraína Dayana Yastremska por 7-5 e 6-4 e enfrontarase en terceira rolda á rusa Mirra Andreeva

A tenista de Vilagarcía Jéssica Bouzas
A tenista de Vilagarcía Jéssica Bouzas / Federación Galega de Tenis

Jessica Bouzas segue con paso firme no WTA 1000 de Pequín e xa está na terceira rolda.

A tenista de Vilagarcía venceu á ucraína Dayana Yastremska, número 31 do ranking mundial (7-5 e 6-4) nun partido exixente que durou hora e media e no que salvou tres bólas de set no primeiro parcial.

Bouzas soubo contrarrestar os potentes golpes de Yastremska e, tras un primeiro set moi igualado, logrou o crebe decisivo no undécimo xogo, pechando por 7-5.

O segundo set, en cambio, non empezou ben para a tenista arousá. Tres dobres faltas seguidas provocaron que a ucraína lle fixese break, que enseguida contrarrestou Jéssica.

Yastremska estaba cada vez máis cansa e tratou de acurtar os puntos nos intercambios, cometendo erros non forzados que puxeron o partido de face para Bouzas.

No noveno xogo, a de Vilagarcía crebou o saque en branco do seu rival e terminou pechando o partido co seu servizo (6-4).

Con este triunfo, Jéssica Bouzas avanza a terceira rolda do WTA 1000 de Pequín, onde se enfrontará á rusa número 5 do mundo e pupila de Conchita Martínez, Mirra Andreeva.