Jessica Bouzas cae en tres sets ante a número 92 do mundo na previa do Master 1000 de Madrid

O Salnés
27 de abril 2021

A pesar da derrota a tenista de Vilagarcía ofreceu unha gran imaxe ante a bieolorrusa Aliaksandra Sasnovich na fase previa do Mutua Madrid Open, a súa primeira presenza nun torneo Master 1000

Jessica Bouzas adestrando no Mutua Madrid Open
Jessica Bouzas adestrando no Mutua Madrid Open / Academia Tenis Ferrer

Non puido ser, pero Jessica Bouzas despídese coa cabeza alta da súa primeira participación nun torneo Master 1000, concretamente no Mutua Madrid Open.

Aos seus 18 anos e desde o posto 640 da clasificación  WTA, a tenista vilagarciá recibiu unha das ' wild card' da organización para disputar a súa fase previa, deparando o sorteo un enfrontamento ante a 92 raqueta do mundo, a bieolorrusa Aliaksandra Sasnovich.

A pesar de caer en tres mangas (5-7, 6-4, 1-6), Bouzas vendeu cara a súa derrota este martes na xornada inaugural do Open, primeiro nun igualado primeiro set que se decidiu por pequenos detalles e logo sobrepoñéndose no segundo parcial para pechalo 6-4 ao seu favor con tres xogos consecutivos.

No definitivo set Sasnovich sacou a relucir a súa maior experiencia para terminar decidindo o partido ao seu favor tras 1 hora e 59 minutos de batalla sobre a terra batida da Caja Mágica.

Derrota, si, pero con boas sensacións para unha tenista que está a protagonizar un gran inicio de tempada e que aínda conta con moito marxe de mellora.