A tempada tenística chegou ao seu fin e é tempo de balance para Jéssica Bouzas e Celia Cerviño, as maiores representantes do tenis provincial e que pelexan por asomar a cabeza en posicións importantes do ranking internacional e, por extensión, nos principais torneos do calendario.
Neste sentido ambas as dúas tenistas pecharon o curso coa súa mellor clasificación histórica no ranking WTA.
A maior progresión foi a de Bouzas, e é que a arousá figuraba o 16 de novembro de 2020 no posto 932 do ranking e conseguiu escalar ata o posto 352 no que figuraba o pasado 15 de novembro.
Jéssica iniciou o ano con dous títulos en torneos W15 do circuíto internacional ITF, ambos os dous no Cairo. Tamén gañaría máis adiante outro torneo do mesmo nivel en Heraklien, Grecia, e sumaría finais no W15 de Gonesse, en Francia e no W25 de Madrid.
Aos seus 19 anos a campaña foi moi especial para a tenista da Academia de Tenis Ferrer, ao poder participar como convidada na previa do Mutua Madrid Open e acudir como 'sparring' do equipo nacional nas finais da Billie Jean King Cup na República Checa.
Pola súa banda Celia Cerviño marcou o pasado 15 de novembro a súa mellor clasificación WTA no posto 574 do ranking internacional, cando xusto un ano antes figuraba no lugar 817.
A tenista pontevedresa finalizou ademais o ano conseguindo o seu primeiro título individual do curso no W15 Club Tenis de Castelló, superando o resultado de finalista que conseguira meses atrás no ITF 15.000 de Santa Margarita de Montbui. Boas sensacións para unha progesión que espera continuar en 2022 en torneos de superior categoría.