A vilagarciá Jéssica Bouzas fixo historia. Xogará por primeira vez uns oitavos de final de Grand Slam. Será en Wimbledon.
Logrouno tras vencer en tres sets á ucraína Dayana Yastremska, á que derrotou por 6-1, 2-6 e 6-3.
Foi nun partido pasado por auga, xa que a choiva de Londres obrigou a suspender o partido durante case dúas horas con marcador de 6-1 e 0-3.
A choiva de Londres acabou sendo unha aliada da galega ao forzar un parón de case dúas horas, o que permitiu que Jéssica recuperase o dominio dun partido que no segundo set parecía escapárselle.
E é que despois dun primeiro set inmaculado, no que Bouzas cometeu só catro erros non forzados, Yastremska deulle a volta ao encontro, duplicando o número de golpes gañadores e collendo unha vantaxe de 0-3 no segundo set.
O xuíz de cadeira parou o partido para comprobar o estado da pista e as nubes non tardaron en responderlle cunha choiva que obrigou ás tenistas a coller as súas pertenzas e a abandonar a cancha mentres os afeccionados abrían os paraugas.
O partido parou durante case dúas horas, pero isto non se cargou o ritmo da ucraína, que á volta da competición levou tres do seguintes catro xogos e mandou o duelo ao set definitivo.
No último set Bouzas mostrouse moito máis sólida que a súa rival sumando puntos até alcanzar a vitoria final que a arousá celebrou con incredulidade, tirando a raqueta e levándose as mans á cabeza.
A súa próxima rival, xa entre as dezaseis mellores do torneo, será a rusa Liudmila Samsonova, número 17 do mundo.
Coa vitoria deste sábado, Jéssica Bouzas sitúase de 50 no ranking WTA por primeira vez na súa carreira. Desde que comezou Wimbledon ascendeu doce postos no ranking.
🤪 𝙇𝙊 𝘿𝙀 𝙅𝙀𝙎𝙎𝙄𝘾𝘼 𝘽𝙊𝙐𝙕𝘼𝙎...
— Tenis en Movistar Plus+ (@MovistarTenis) July 5, 2025
Vence a Yastremska y ya está en octavos de final. #LaPistaDelTenis #Wimbledon pic.twitter.com/aGmanEtP2G