O Salón García de Vilagarcía celebrou este fin de semana a XXXIII Gala do Deporte Local, unha celebración destinada a toda a comunidade deportiva do municipio e na que se designa ao Mellor Deportista do Ano.
Nesta ocasión, e por segundo ano consecutivo, a gañadora do premio a mellor deportista foi a tenista Jéssica Bouzas, quen alcanzou en 2025 o Top 50 no raking WTA (número 40), o que supón a mellor posición histórica do tenis galego.
Ademais, foi recoñecida pola súa destacada tempada deportiva, na que volveu a partipar nos catro Grand Slam e ser a número 1 da Selección Española na Billie Jean King Cup.
A través dun vídeo, a deportista afirmou que o premio lle fai "moitísima ilusión" e recoñeceu estar "súper orgullosa de representar a España, Galicia e Vilagarcía de Arousa" en cada torneo.
"Recibir este premio é algo que sempre me levo comigo", sinalou, á vez que felicitou a Irene Noya (baloncesto), Yago Vicente (salvamento acuático), Pedro Muñoz (kenpo) e Pedro Torrado (piragüismo) polo seu nomeamento e por promover o deporte.
Durante a gala recoñeceuse a título póstumo a Adela Miguéns Muñiz, pola súa traxectoria na Fundación de Deportes e como adestradora de atletismo no Liceo Casino; a Ero Pons, polo seu labor na Federación Galega de Vela e no equipo olímpico español da clase 49er, co que alcanzou o campionato de Europa absoluto e o quinto posto no mundial, e a Isidoro Canabal Durán, presidente do Basket Base Club, que recibiu a mención especial polo seu traballo co deporte basee.
No apartado de empresa galardoaron a Mariscos Antón polo seu apoio ao equipo sénior da A.D. Cortegada, mentres que no capítulo de medios de comunicación recibiu o premio Rafa Saúco Sánchez, polo seu traballo de divulgación e apoio ao deporte local.
Tamén foi recoñecido o Basket Base Club polos éxitos alcanzados na tempada 24/25, entre eles o ascenso do equipo sénior á Terceira Federación Española, e o San Martín Club de Fútbol, polo seu 75 aniversario.
Por último, Special Olympis Galicia obtivo a mención pola promoción do deporte inclusivo; a Federación Galega de Balonmán, no apartado de eventos, pola organización da copa e a supercopa de Galicia desenvolvidas en Vilagarcía; e Fátima Diz Barcala, a distinción á traxectoria deportiva, tras converterse na primeira muller en obter o cinto negro de Brazilian Jiu-Jitsu na comunidade autónoma de Galicia.