Jéssica Bouzas rompe outra barreira e clasifícase para a súa primeira final dun torneo WTA

O Salnés
30 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A tenista arousá clasificouse este sábado para a final do Torneo WTA 125 Megasaray que se disputa na localidade turca de Antalya, ao vencer nas semifinais á suíza Simona Waltert. Pase o que pase no partido decisivo, cos puntos que se asegura este próximo luns marcará o mellor ranking mundial da súa carreira

Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo
Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo / Comité Olímpico Español

O inicio da tempada de terra batida non puido ser máis positivo para Jéssica Bouzas, que se clasificou este sábado 30 de marzo para a que será a primeira final da súa carreira nun torneo de categoría WTA, concretamente o Torneo WTA 125 Megasaray que se disputa na localidade turca de Antalya.

A tenista arousá está a protagonizar unha gran semana en Turquía, e cos puntos que xa ten no peto por chegar á final asegúrase de feito marcar este próximo luns o seu mellor ranking mundial ata a data, xa que subirá como mínimo ao posto 112 da clasificación mundial.

Bouzas venceu este sábado nun sólido partido en dúas mangas á suíza Simona Waltert (6-2, 6-3).

Antes, como cabeza de serie número 5 do torneo, superara nas roldas previas da húngara Panna Udvardy (2-6, 6-3, 6-3), a española Leyre Romero (6-1, 7-5) e a rusa Polina Kudermetova (2-6, 7-5, 6-3).