Jéssica Bouzas supera con claridade a Potapova na súa estrea en Wimbledon

O Salnés
29 de xuño 2026

A tenista de Vilagarcía dobregou en dous sets a número 28 do mundo para selar o seu pase á segunda rolda do Grand Slam londiniense, onde se medirá á ucraína Dayana Yastremska

Jéssica Bouzas, en Wimbledon - RFET
Jéssica Bouzas, en Wimbledon - RFET

Sobresaliente debut de Jéssica Bouzas en Wimbledon, onde se impuxo con autoridade á austriaca Anastasia Potapova por 6-2 e 6-3.

A tenista de Vilagarcía dominou o encontro de principio a fin, mostrándose moi ordenada no seu xogo e desbordando de forma constante á número 28 do mundo.

Bouzas marcou o ritmo do partido con solidez desde o fondo da pista e apenas concedeu opcións á súa rival, á que superou con claridade en ambos os sets.

O único momento de dúbida chegou cando, con 5-2 no segundo set, sacaba para pechar o partido.

Nese xogo concedeu até cinco bólas de break, unha das cales aproveitou Potapova para recortar distancias e situar o 5-3 no marcador.

Lonxe de acusar o golpe, Bouzas reaccionou de inmediato ao resto e asinou un xogo en branco para romper de novo o saque da austriaca e selar o seu pase á segunda rolda do Grand Slam londiniense, onde se medirá á ucraína Dayana Yastremska, que venceu en tres sets a xaponesa Aoi Ito (7-6, 4-6 e 7-5).