Jesús Ramos desvincúlase do Pontevedra

Pontevedra
12 de febreiro 2021

O ex adestrador granate tomarase unha tempada de descanso para recuperar forzas e non regresa ao seu cargo anterior de coordinador da base na entidade de Pasarón

Jesús Ramos, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF
Jesús Ramos, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF / Cristina Saiz

O exadestrador do Pontevedra, Jesús Ramos, xa non forma parte do club de Pasarón. Despois do seu cesamento como adestrador do primeiro equipo tras a derrota contra o Zamora, cuarto partido consecutivo perdido, o técnico pasou polos despachos da entidade para asinar a rescisión do seu contrato.

Fontes próximas á contorna do adestrador confirmaron a PontevedraViva que o preparador marinense queda completamente desvencellado da entidade. A pesar da mensaxe agarimosa de despedida da directiva que defendía o papel de "home de club" desempeñado por Ramos desde a súa fichaxe como xogador do filial, ambas as partes decidiron poñer punto e final á súa relación laboral.

Especulouse coa posibilidade de que o adestrador seguise formando parte da estrutura deportiva do Pontevedra, antes de ser ascendido a mánager do primeiro equipo exercera como coordinador da base e segundo adestrador do equipo de Segunda División B. 

Con todo, a presión soportada nas últimas semanas pola necesidade de obter vitorias que non chegaron a producirse xerou un profundo desgaste no adestrador que prefire agora tomarse unha tempada de descanso e recargar pilas antes de embarcarse nunha nova aventura.

Preferiu Jesús gardar silencio sobre as circunstancias que rodearon o seu despedimento para evitar desviar a atención do máis importante, que é que o equipo rompa a súa mala serie e recupere a posición perdida na clasificación, desexou o técnico que protagonizou o mellor arranque da historia dun adestrador no banco granate.

Mesmo anhelo expresa o ex director deportivo do Pontevedra, Roberto Feáns, con que contactou este medio para coñecer os detalles da súa dimisión. O aínda conselleiro declinou facer declaracións dada a delicada situación deportiva do primeiro equipo e agardará a que as circunstancias se normalicen para comunicar as razóns da súa renuncia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora