Jiaqi Guo, do Monte Porreiro ao Campionato de Europa

Pontevedra
18 de abril 2025

A deportista do Tenis de Mesa Monte Porreiro logrou praza de clasificación directa para o Campionato de Europa de Xóvenes que se celebrará no mes de xullo na República Checa

Jiaqi Guo, tras vencer no Top-10 Estatal en Alcobendas
Jiaqi Guo, tras vencer no Top-10 Estatal en Alcobendas / TM Monte Porreiro

O Tenis de Mesa Monte Porreiro está de parabén.

A Real Federación Española de Tenis de Mesa confirmou as primeiras seis prazas, outorgadas de maneira directa polos seus resultados, de xogadores e xogadoras que comporán a Selección Española no próximo Campionato de Europa de Xóvenes que terá lugar na República Checha.

Unha desas prazas foi a parar a unha promesa do tenis de mesa pontevedrés, Jiaqi Guo, en categoría infantil (U15).

"Tras a disputa do Torneo Estatal e do Top 10 Nacional 2025, definíronse as primeiras prazas directas para o Campionato de Europa de Xóvenes, a celebrarse este verán. Estas prazas foron outorgadas aos deportistas con maior puntuación combinada en ambas as dúas competicións", explica a Federación.

No caso de Jiaqi Guo "alcanzou a puntuación máxima de 500 puntos, vencendo en ambas as dúas probas", confirma o organismo federativo.

Desta forma o Monte Porreiro verá como unha das súas deportistas compite no mes de xullo nunha das grandes competicións internacionais da tempada, que se disputará do 11 ao 20 do citado mes na localidade checha de Ostrava.

Tras coñecer a noticia o club pontevedrés asegurou que "simplemente sentímonos orgullosos de ti Jiaqi Guo por confiar en nós e por levar o nome de Pontevedra e Monteporreiro por Europa representando ao teu país".

Estas seis prazas conforman a primeira parte da Selección Española Xuvenil que competirá na competición continental, completándose o equipo coas prazas que serán asignadas aos campións de España e as outorgadas directamente pola dirección deportiva da Federación.