Jon Bakero pide confianza no Pontevedra: "Temos que crérnolo. Só falta marcar un gol e que se abran un pouco as portas"

Pontevedra
06 de outubro 2022

"Temos equipo para soñar nesta categoría", defende o dianteiro granate, que aos poucos se foi facendo un oco no equipo. Con contrato por dúas tempadas afirma sentirse cómodo nunha cidade de Pontevedra que "me sorprendeu moitísimo, en positivo"

Jon Bakero, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Talavera en Pasarón
Jon Bakero, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Talavera en Pasarón / Mónica Patxot

Aos seus 25 anos Jon Bakero aterrou esteverano no Pontevedra como un dos reforzos destacados do equipo granate para o seu asalto á Primeira RFEF, tras o seu paso polo Slavia Sofía ou as ligas estadounidense e canadense, e a súa presenza no equipo foi crecendo ata sumar dúas titularidades consecutivas, aínda que "os últimos resultados non foron os que queriamos, esperabamos sacar algo máis de puntos e creo que podiamos", defende.

O atacante en todo caso mantén que "a xente está con confianza estamos, adestrando ben e sabemos que estamos a facer moitas cousas ben", polo que pide un voto de confianza.

Bakero cre nas posibilidades do plantel. Tanto é así que "só falta marcar un gol e que se abran un pouco as portas", asegura, xa que "temos grandes xogadores e temos que crérnolo. Temos un equipo para soñar nesta categoría".

En canto ao seu papel "aos poucos voume sentindo mellor, síntome cómodo dentro do campo, xa teño moi claro o rol que teño que asumir", polo que "é cuestión de tempo que un día entre unha, porque creo que estou nos sitios que teño que estar a nivel ofensivo".

O 19 granate notou, iso si, o salto á liga española. "Estou moi sorprendido polo nivel, pero ao final España é un país de fútbol e nótase", explica tras comprobar que "esta liga é moi dura, os equipos aquí en España están moi traballados tácticamente e os xogadores teñen un grandísimo nivel, todos os equipos teñen xogadores que levan moitos anos en Segunda B ou estiveron en Segunda e Primeira e ao final sacar puntos nesta liga é moi difícil".

Para sobrepoñerse a esas dificultados "o único camiño é o traballo", afirma convencido de que os resultados chegarán. Nin sequera asústalle a espectacular xeira positiva do próximo rival, o Linares, con 19 encontros sen perder no seu estadio. "Os equipos son moi duros nesta categoría, pero os récords e os números están para rompelos. Nós temos que enfocarnos no noso traballo, en mellorar e en seguir confiando no noso estilño de xogo. No fútbol nada é imposible, temos que ir alí crendo que se pode gañar e traer os tres puntos para Pontevedra".

Unha cidade a Boa Vila por certo que "me sorprendeu moitísimo, en positivo. Estou súper feliz do trato desde que cheguei, da cidade, de vivir aquí. A xente abriume as portas e estoulles moi agradecido", sinala Jon Bakero sen esquecerse dunha afección que "sempre que xogamos na casa axúdannos unha chea, de feito na casa non perdemos e así ten que seguir toda a tempada", avanza. Antes chegará un novo reto a domicilio, pero tómallo coa ambición que lle caracteriza tentando devolver a confianza recibida pola entidade granate. Ten dúas tempadas por diante para conseguilo.