Jorge Basanta será o novo adestrador do Poio Pescamar FS na Primeira División

Poio
07 de xullo 2015

O Poio Pescamar FS xa ten adestrador para a tempada 2015-2016. Tras a saída de Gonzalo Iglesias 'Morenin', os responsables do club confirmaron a fichaxe como técnico de Jorge Basanta. Chega procedente do Santiago Futsal, onde levaba adestrando oito anos

Jorge Basanta, novo adestrador do Poio Pescamar FS
Jorge Basanta, novo adestrador do Poio Pescamar FS / Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar FS xa ten adestrador para a tempada 2015-2016. Tras a saída de Gonzalo Iglesias 'Morenin', os responsables do club confirmaron a fichaxe como técnico de Jorge Basanta. Chega procedente do Santiago Futsal, onde levaba adestrando oito anos.

O novo adestrador, natural de Viveiro (Lugo) e de 26 anos, encargábase de adestrar o filial do conxunto santiagués, así como tamén o equipo xuvenil e da coordinación da base.

Ademais, colaboraba co primeiro equipo encargándose das tarefas de scouting.

Na súa nova etapa en Poio, Jorge Basanta será o encargado de dirixir a nave 'rojilla' e non só será o adestrador do primeiro equipo, senón que tamén coordinará todas as categorías inferiores da base feminina e asumirá a formación dos monitores.

O club buscaba, segundo o seu presidente Juanjo García, unha persoa "que se involucrase máis no club e nas categorías base que tantas alegrías nos proporciona" e Basanta, entende, cumpre con estes requisitos e coa experiencia necesaria a pesar da súa xuventude.

Ambas as dúas partes comezaron xa a planificar a pretempada que, previsiblemente, comezará a mediados de agosto. En todo caso, o novo adestrador comezará a traballar nas oficinas do club a mediados da próxima semana, por onde irán pasando as xogadoras do primeiro equipo para coñecer o seu futuro de cara á nova tempada na que, unha vez máis, o Poio Pescamar FS competirá na Primeira División do fútbol sala nacional.