Jorge Fernández, confirmado como novo xogador do Zamora

Pontevedra
28 de xuño 2021

O futbolista asturiano é o cuarto dos xogadores do Pontevedra que terminaba contrato que atopa acomodo nun novo destino, neste caso acompañando a Xisco Campos no proxecto zamorano en Primeira RFEF

Jorge Fernández, adestrando con Pontevedra en Pasarón
Jorge Fernández, adestrando con Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol espera unha importante revolución este verán en canto ao número de caras novas que chegarán ao plantel, e é que o club granate non moveu ficha pola maioría de futbolistas que terminaban contrato ao termo da tempada.

Actualmente son nove os xogadores confirmados para o seu novo proxecto entre os que contaban cun ano máis de vinculación como Charles, Rufo, Oier Calvillo, Álex González e Romay, o renovado Churre e os tres primeiros fichaxes nos nomes de Javi Rey, Samu e Pablo Cacharrón. A esa nómina poden sumarse dous homes vinculados á casa como Santi Figueroa e Martín Diz.

Fóra desa lista algúns xogadores comezaron a pechar novo destino, tocándolle este luns a quenda a Jorge Fernández. O asturiano comprometeuse co Zamora CF para competir na Primeira RFEF, segundo fixo oficial o club leonés. Desta forma acompañará a un dos seus ex-compañeiros en Pasarón como Xisco Campos, e xogará na mesma categoría que Eneko Zabaleta (CD  Calahorra) e Borja Martínez (CD Castellón).

 

Jorge pecha a súa etapa en Pontevedra con sensacións agridoces e sen ter chegado a mostrar todo o potencial que se lle adiviñaba. Participou en 21 partidos, 12 deles como titular, anotando dous goles, un deles o que abriu o camiño da salvación na última xornada na goleada fronte ao Oviedo Vetusta.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora