Jorge Villamarín continurá defendendo a portería cisneísta un ano máis

Pontevedra
22 de xuño 2019

O gardameta chegou ao club pontevedrés en marzo deste ano, procedente do Sinfín cántabro, e con el gañaron catro dos sete partidos que restaban da tempada

Jorge Villamarín no partido ante Los Dólmenes no CGTD de Pontevedra
Jorge Villamarín no partido ante Los Dólmenes no CGTD de Pontevedra / Diego Torrado

O Club Cisne Balonmán continúa traballando para reforzar o persoal e encarar o próximo ano en Honra Prata. Esta fin de semana pechou outra das súas renovacións: a do gardameta Jorge Villamarín, recentemente incorporado ao equipo (en marzo deste ano), procedente do Sinfín cántabro, militante na máxima categoría española.

O coruñés chegou a Pontevedra cando o cadro cisneísta acumulaba tres derrotas consecutivas. Xogábase, por unha diferenza de tres puntos, a entrada nos play-off a Asobal e o club apostou por afianzar a portería con Villamarín. Aínda non conseguindo pelexar polo ascenso, a partir de aí, os de Jabato gañaron catro dos sete partidos que faltaban para o termo do curso.

Jorge confesa estar "feliz e agradecido ao Cisne por confiar en min para a próxima tempada. Esperemos estar á altura, que sexa un ano bonito e que gocemos ao máximo da División de Honra Prata, que será, un ano máis, igualada e esixente".

O gardameta súmase, así, á lista de xogadores que conformarán o equipo: Andrés Sánchez, Pablo Picallo, Álvaro Preciado, José Leiras, Bruno Vázquez, Alejandro Conde, Álex Chan, Javi Vázquez, David Chapela, Dani Ramos, Iván Calvo e Pablo Gayoso.