Jose Autrán regala unha vitoria ao Froiz na primeira fin de semana de competición

Pontevedra
20 de febreiro 2023

O escalador chileno fíxose coa vitoria no Memorial Santisteban disputado este domingo na localidade cántabra de Colindres

Jose Autrán, do Supermercados Froiz, faise coa vitoria no Memorial Santisteban de Cantabria
Jose Autrán, do Supermercados Froiz, faise coa vitoria no Memorial Santisteban de Cantabria

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz empezou a tempada da mellor maneira posible, cunha vitoria. O escalador José Autran proclamouse gañador do Memorial Santisteban celebrado este domingo na localidade cántabra de Colindres.

O corredor chileno foi un dos 19 integrantes da escapada que se formou na primeira subida da carreira aos portos de Alisas e o Alto de Asón. Houbo antes varios intentos para formar unha fuga que non fraguaran.

E nese selecto grupo as hostilidades tampouco cesaron. Autrán e Esparza, do grupo Eulen, mantiveron un intenso man a man que acabaría resolvéndose a escasos metros da liña de meta en favor do ciclista alimenticio. Ambos saltaran do grupo principal xunto con outros cinco corredores que ían disputarse a vitoria.

A 30 quilómetros para o final coas ramplas de Seña como testemuña, Gálvez e Esparza atacaron. Uns quilómetros despois responderon Zubeldia e Autran, que contactaron co dúo de cabeza para formar o cuarteto definitivo que loitaría por unha vitoria que acabaría levándose o ciclista chileno, que arrincou a 300 metros de meta sen que os seus perseguidores puidesen darlle caza.

"Foi unha etapa durísima cun porto de saída. Froiz mantivo un forte bloque, en especial con Autran e Alejandro Luna, quen caeu baixando un porto pero puido recuperarse e manterse con Autran no grupo favorito de escaladores", explican desde o club como se xestou a vitoria. Na xornada do sábado, Luna e Autran volveron ser os máis destacados ao asinar un décimo cuarto e un vixésimo primeiro posto, respectivamente.