Joselyn Brea logra unha clasificación olímpica con aroma pontevedrés

Pontevedra
21 de maio 2024

A atleta venezolana logrou a mínima que lle clasifica para os Xogos Olímpicos de París nos 5000 metros lisos, unha recompensa ao adestramento e traballo que desde hai anos leva realizado con base na Boa Vila

Joselyn Brea, na cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista 2017 no CGTD
Joselyn Brea, na cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista 2017 no CGTD / Mónica Patxot - Arquivo

Nos últimos tempos a súa presenza en Pontevedra reducido, dentro da esixencia da súa preparación internacional, pero Joselyn Brea sente á Boa Vila como o seu segundo fogar.

Por iso a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París foi recibida con gran alegría na cidade, e en especial nun Centro Galego de Tecnificación Deportiva no que tantas horas pasou adestrando desde que se mudase a Galicia alá polo ano 2014.

Joselyn selou o seu billete a París co segundo posto logrado a fin de semana no Gran Premio de Los Ángeles, en Estados Unidos, nos 5.000 metros lisos. Fíxoo cun tempo de 14:36.59 inferior á mínima olímpica esixida (14:52.00), confirmou o Comité Olímpico Venezolano, e levando o segundo posto na competición estadounidense. 

A marca supón un novo récord venezolano, e supoñería tamén o mellor rexistro español de todos os tempos superando á histórica Julia Vaquero (14:44.95), aínda que a pesar de contar coa dobre nacionalidade trátase dun récord non homologable segundo as normas da Real Federación Española de Atletismo, tal e como recoñeceu o organismo federativo.

En todo caso este feito non quita nada de mérito ao logrado por unha deportista que representará a Venezuela nos Xogos Olímpicos, pero tamén un pouco á Pontevedra que leva no corazón.