Kevin Presa e Jacobo Millán, entre algodóns

Pontevedra
07 de marzo 2017

Ambos os futbolistas son dúbida para o importante choque do próximo domingo en Pasarón ante o Valladolid B. Kevin concluíu o partido ante o Lealtad cun forte golpe no seu nocello dereito que lle impediu exercitarse este luns co resto do equipo

Kevin Presa antes dun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

A volta ao traballo do Pontevedra tras o importante triunfo no campo do Lealtad contou cunha ausencia notable, a de Kevin Presa.

O centrocampista granate concluíu o choque en Asturias cun forte golpe no seu nocello dereito debido a un encontrón fortuíto cun rival, unha lesión que foi reflectida no acta arbitral e que lle impediu adestrar co resto do equipo na primeira sesión semanal.

"Conto con telo o domingo", recoñece Luisito, que deberá esperar a ver como evoluciona a doenza e se lle permite adestrar o vindeiro mércores, tras a xornada de descanso habitual dos martes.

En calquera caso a de Kevin non é a única dúbida coa que contará o técnico para preparar o choque do próximo domingo (17:00 horas) ante o Valladolid B en Pasarón. A outra é a de Jacobo Millán, que xa caeu da convocatoria ante o Lealtad debido a un leve accidente de tráfico que sufriu o pasado venres cando se dirixía ao adestramento.

O de Bueu sofre unha escordadura cervical producida por unha colisión por alcance e aínda que puido exercitarse este luns, nunha sesión de recuperación para o equipo programada no campo de Príncipe Felipe, fíxoo con molestias.

O que non terá esta semana o Pontevedra é baixas por sanción, recuperando a Jacobo Trigo tras cumprir un partido de castigo por acumulación de amoestacións.