La Peña presume da convocatoria de Sara Couso coa Selección Española Sub-17

Marín
26 de abril 2024

A xoven xogadora, internacional tamén en categorías inferiores de fútbol-11, participará nunha concentración do equipo nacional sub-17 de fútbol sala do 12 ao 16 de maio

Sara Couso, durante unha concentración da Selección Española Sub-15 de Fútbol Sala
Sara Couso, durante unha concentración da Selección Española Sub-15 de Fútbol Sala / RFEF

Internacional con España en categorías inferiores de fútbol-11 e tamén de fútbol sala.

Sara Couso recibiu a chamada da Selección Española Sub-17 de Fútbol Sala tras o seu bo papel no recente Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Unha noticia que celebra ao grande o seu equipo, o CD La Peña marinense.

É unha das 16 futbolistas convocadas polo seleccionador Iñigo Martínez para un concentración que terá lugar do 12 ao 16 de maio en Las Rozas.

É a segunda vez que é citada para o combinado nacional de fútbol sala, tras unha experiencia en idade Sub-15.

Couso leva defendendo desde os 7 anos a camiseta de La Peña, algo que compaxinou co fútbol 11 na AJ Lérez.

Durante a concentración nacional a Selección Española ten previsto realizar varias sesións de adestramento e tamén disputar un encontro amigable o mércores 15 de maio fronte ao CD Chiloeches, da Segunda División.