O Trail Laxe dos Bolos pasa a formar parte das Galicia Trail Running Series

Umia
14 de novembro 2024

Caldas de Reis redobrará a súa aposta polo trail de montaña coa segunda edición do Trail Laxe dos Bolos o próximo 16 de marzo

I Trail Laxe dos Bolos Concello de Caldas de Reis

A segunda edición do 'Trail Laxe dos Bolos' terá categoría de Campionato Xunta de Galicia Absoluto da especialidade.

O Concello de Caldas de Reis redobra a súa aposta polas carreiras de montaña coa segunda edición deste evento, que se fixou para o día 16 de marzo de 2025.

A proba será ademais incluída nas Galicia Trail Running Series, xunto a carreiras que se desenvolverán na Fonsagrada, Ames, Muros, Barbadás, A Guarda e Chandata.

En concreto no que respecta ao Trail Laxe dos Bolos ás 9.00 horas do domingo 16 de marzo dará saída ao 'Desafío Xiabre', cun percorrido de 27,5 quilómetros e máis de 1.600 metros de desnivel acumulado.

A continuación, desde as 10.00 horas, sairán outros dous trails de 16 e 8 quilómetros para percorrer os montes de Santa María, así como unha andaina alcanzable para todos os públicos.

"O ano pasado inscribíronse máis de 225 persoas, que chegaron a Caldas de Reis acompañadas de moita máis xente. Iso supón un tirón importantísimo para darnos a coñecer e situarnos como unha referencia no mundo do deporte", afirma sobre este evento o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Fariña.

As inscricións, avanza, habilitaranse "en breve" a través da Federación Galega de Atletismo.

Supoñerán, ademais do dereito a participar na carreira, un seguro de accidentes, os correspondentes avituallamentos e un pequeno agasallo para todas as persoas participantes.