O ascenso a Segunda División está máis preto que nunca para o Leis Pontevedra, que se impuxo na cancha do filial de Elpozo Murcia por 2-4 na ida da final do play-off de ascenso. Iván Domínguez, Mosaab e Mario Paz por partida dobre foron os goleadores para os visitantes.
Daniel Pérez foi protagonista para o cadro lerezano no arranque do encontro con dúas meritorias interveciones consecutivas a Manu Sánchez. O filial murciano impuxo un alto ritmo de xogo que castigou aos do Lérez nos primeiros compases do partido.
Pero se algo caracteriza ao equipo de Santi Valladares é a súa capacidade de adaptarse ao rival para aproveitar cada oportunidade, algo que fixo Iván Domínguez no minuto cinco ao anotar o 0-1 tras rematar no segundo pau un gran centro de Said.
Tívoa Andrés Meseguer cinco minutos despois nunha ocasión clara para Elpozo Ciudad de Murcia e outra vez Daniel Pérez alzouse de forma salvadora para mandar o balón a saque de esquina.
O que non perdoou foi Manu Sánchez, que fixo o gol do empate no minuto 11 cunha vaselina imposible para a meta do cadro pontevedrés (1-1).
Golpeou de novo o Leis Pontevedra a cinco minutos do ecuador nun erro do filial murciano na saída de balón. O meta local, Juanjo López, arriscou en exceso cunha condución até medio campo e Mosaab rouboulle o coiro para, posteriormente, definir a portaría baleira e pór o 1-2 no electrónico.
Os minutos previos ao descanso foron dun ritmo altísimo con ocasións para ambos os equipos. Mentres que o conxunto local fabricouse as súas mellores oportunidades en ataques posicionais, os contragolpes do Leis permitiron aos de Santi Valladares plantarse en varias ocasións man a man con Juanjo López.
Ningún tivo acerto de cara a porta e o 1-2 mantívose até o ecuador.
Non puido empezar mellor o segundo tempo para o Leis Pontevedra, que pillou a ElPozo totalmente desprevindo ao contragolpe e materializou o 1-3 aos 30 segundos nunha boa combinación de Mosaab co goleador Mario Paz.
Pero o camiño cara á vitoria non ía ser sinxelo e os murcianos recortaron distancias un minuto despois desde o punto de penalti a través do máximo anotador da tempada Miguel Ángel Palacios (2-3).
O equipo de Juan Alcaraz monopolizou a posesión até encerrar por completo a un conxunto lerezano que se defendeu con uñas e dentes das arremetidas locais. A mellor baza dos de Santi Valladares para facer dano era tratar de sorprender con transicións ofensivas.
Arriscou cada vez máis o equipo local cun Álvaro Carrión, que substituíu a Juanjo na portaría, cada vez máis involucrado nos ataques. Tanto foi así que Mario Paz aproveitou unha perda de balón do rival co porteiro fóra de posición para, cun golpeo desde o seu campo, anotar o 2-4 a nove minutos para a conclusión.
A pesar de xogar a centos de quilómetros da casa, o Leis Pontevedra contou cunha nutrida presenza de afeccionados que se fixeron notar na recta final do encontro. O seu alento foi vital para axudar ao equipo a manter o valioso botín cultivado até o momento.
Tanto foi así que o marcador non se moveu e o encontro chegou á súa conclusión cunha valiosa vitoria para o Leis por 2-4.
Os de Santi Valladares terán que facer boa a súa vantaxe no encontro de volta que se disputará a próxima fin de semana no Municipal dos Deportes. Un partido separa ao conxunto lerezano do ascenso a Segunda División.
Consulta a acta neste enlace.