Tres décadas despois, o Leis Pontevedra disputará toda unha final da Copa Galicia de Fútbol Sala, e no conxunto pontevedrés empeza a dispararse a ilusión por unha cita histórica.
A gran final do torneo autonómico, tanto en categoría masculina como feminina, celebrarase esta Semana Santa en Lugo, e até alí desprazouse este xoves unha representación do Stellae Leis Pontevedra para tomar parte na presentación do evento.
O capitán do equipo, Nicolás Crespo, e o director deportivo Jose Barcala pousaron aos pés da Muralla de Lugo con Adrián Rodríguez 'Pirata', capitán do seu rival polo título, e o resto de representantes, incluído o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto.
Para chegar ao duelo decisivo, que se disputará o xoves 17 de abril (18.00 horas) no Pavillón Municipal de Lugo, o Leis deu a gran sorpresa do campionato ao derrotar nunha vibrante semifinal e no último segundo a un equipo da máxima categoría como o Burela.
O outro equipo galego de Primeira División, o Noia Portus Apostoli, será agora o último escollo até o título.

En mans do Leis está de feito evitar que o equipo noiés, vixente campión, se converta no primeiro que levanta catro títulos de Copa Galicia consecutivos.
Unha final que segue con entradas á venda, a un custo de 10 euros para o público adulto e de 5 euros para os menores de 15 anos, e coa posibilidade de adquirir un abono de 15 euros para presenciar tamén a final feminina (12.00 horas) entre FSF Castro e Burela.
A expectación no Leis Pontevedra é tal que até fretaron un autobús para que xogadores da base, familiares e afeccionados poidan desprazarse até Lugo para vivir unha xornada tan especial.