Lete Lasa ve na dupla galaico canaria que forman Patricia Suárez e María Cantero o futuro da vela galega

O Salnés
14 de abril 2021

As deportistas preparan, baixo a tutela de Antón Paz no Centro  Galego de Vela de Vilagarcía, o seu asalto aos Xogos Olímpicos de París 2024

Lete Lasa visita as regatistas Patricia Suárez e María Cantero no Centro Galego de Vela
Lete Lasa visita as regatistas Patricia Suárez e María Cantero no Centro Galego de Vela / Xunta de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo este mércores un encontro de traballo coas regatistas Patricia Suárez e María Cantero, que forman equipo desde outubro do 2020 co obxectivo de chegar a representar a España nos Xogos Olímpicos de París 2024.

O mandatario autonómico celebrou a sociedade galaico-canaria convencido de que"colleitará grandes resultados baixo a atenta mirada do seu adestrador Antón Paz que xa sabe o que é colgarse un ouro olímpico". Ve Lete Lasa nesta parella un "proxecto de éxito e de futuro para a vela galega".

Neste sentido, o secretario quixo destacar que Patricia Suárez xa conseguiu a praza olímpica para España no 49er FX no mundial do 2019 en Nova Zelandia e quixo poñer en valor o apoio brindado pola Xunta a través da entrega ao Centro Galego de Vela dunha embarcación de vela desta clase que supuxo un investimento de 32.276 euros financiados integramente pola Xunta.