Loita encarnizada polo liderado na Volvo Ocean Race camiño de Cidade do Cabo

Sanxenxo
21 de novembro 2017

"Saber que xa quedan poucos días e que ademais temos a opción de gañar é suficiente motivación para dar todo o que temos", asegura a pontevedresa Támara Echegoyen a bordo do desafío español Mapfre, líder provisional cando a frota da Volta ao Mundo a Vela entra no tramo final da súa segunda etapa

O Mapfre, durante a segunda etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre, durante a segunda etapa da Volvo Ocean Race / Ugo Fonollá / Mapfre / Volvo Ocean Race

Rumbo directo a Cidade do Cabo e cabalgando por diante dunha fronte. Ese é o panorama no desafío español Mapfre no décimo sétimo día de navegación no Atlántico dentro da segunda etapa de competición da Volvo Ocean Race.

Máis de dúas semanas sen apenas descanso desde Lisboa para afrontar agora unha loita encarnizada polo liderado e a vitoria de etapa na Volta ao Mundo a Vela.

O barco con base en Sanxenxo encabeza a frota, segundo o parte de posicións publicado este martes ás 14:00 horas, con 26,9 millas de vantaxe sobre o  Dongfeng chinés, 29,3 millas co Vestas e 35,6 co Team Brunel, mantendo polo momento o liderado que asumiu o pasado domingo.

"É unha etapa longa e ao final todos sabemos que o cansazo é parte dela, pero eu creo que o último estirón e o saber que xa quedan poucos días e que ademais temos a opción de gañar é suficiente motivación para dar todo o que temos, ou o que nos queda", recoñece a pontevedresa Támara Echegoyen desde o Mapfre.

Un sprint final de algo máis de 1.000 millas náuticas navegando a máis de 20 nós no que todo pode cambiar aínda antes de chegar a Sudáfrica.