Longas colas para facerse cunha entrada para o Pontevedra-Laredo

Pontevedra
15 de abril 2025
Actualizado: 21:58

A alta demanda de localidades obrigou o Pontevedra a modificar o horario das oficinas de Pasarón para atender os afeccionados de maneira ininterrompida de 9.00 a 19.00 horas

Colas nas oficinas de Pasarón para conseguir entradas do Pontevedra-Laredo
Colas nas oficinas de Pasarón para conseguir entradas do Pontevedra-Laredo / PontevedraViva

Ninguén quere perder o máis que probable ascenso do Pontevedra Club de Fútbol a Primeira RFEF.

Os granates teñen na súa man pechar o primeiro posto o vindeiro domingo 20 de abril (17.00 horas) se vencen o Laredo, equipo xa descendido de maneira matemática, e a afección non quere perder a máis que merecida celebración.

A iso contribúen as promocións habilitadas polo club da Boa Vila, e que tiveron unha rápida resposta.

Ademais da posibilidade dada aos socios de retirar unha invitación para o partido, calquera afeccionado que compre unha entrada de maneira anticipada na oficina recibe outra de balde para a mesma bancada.

Con todo, en plena Semana Santa e a oficina abrindo só ata o mércores, a demanda disparouse deixando imaxes de longas colas para adquirir unha localidade.

Tanto é así que ata o Pontevedra se viu obrigado a modificar este martes o horario de atención en Pasarón para atender os afeccionados de maneira ininterrompida de 9.00 a 19.00 horas.

Nas primeiras horas de venda de entradas colgouse xa ademais o cartel de 'non hai billetes' nos sectores inferiores do Fondo Norte, camiñando cara ao cheo absoluto dunha bancada que habitualmente é a primeira en esgotar o papel.

Cabe lembrar que as entradas para o partido entre Pontevedra e Laredo serán únicas, a un prezo de 10 euros en fondos e Preferencia e de 15 euros en Tribuna.

FONDO NORTE ESGOTADO E MÁIS DE 3.000 ENTRADAS VENDIDAS

Ao final da xornada de martes o Pontevedra actualizou a cifra de localidades vendidas, que ascendía xa a 3.132, que se suman aos abonados con asento garantido.

Ademais a semente de Fondo Norte esgotou xa todas as súas localidades, sendo a primeira en completar o aforo.