Longo desprazamento para un Poio Pescamar que busca o seu segundo triunfo na liga

Poio
06 de outubro 2017

O equipo vermello visita este sábado (18:15 horas) ao recentemente ascendido Cádiz FSF coa intención de dar continuidade á vitoria da pasada semana no derbi ante o Cidade das Burgas

Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018
Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018 / Cristina Saiz

Quere coller impulso na Primeira División do fútbol sala feminino nacional o Poio Pescamar, que este sábado (18:15 horas) buscará en Cádiz a súa segunda vitoria consecutiva.

O equipo vermello ten por diante un longo desprazamento por estrada para enfrontarse a un recentemente ascendido como o Cádiz FSF, que a pasada semana logrou remontar un 5-1 en contra para terminar levando un punto da pista do Soto del Real, estreando así puntuación.

O Poio, oitavo con 4 puntos, aspira a achegarse aos postos de honra da categoría, e para iso non debe fallar na pista dun equipo que recupera efectivos con respecto ás últimas xornadas e que promete batalla.

Marcio Santos conformou unha convocatoria na que se atopas: Silvia, Mónica, Ale de Paz, Carol, Vane Bugallo, Patri Corral, Iria Saeta, Ceci e Yoli.

CAROL, CONVOCADA COA SELECCIÓN NACIONAL SUB-17

Ademais de Silvia Aguete, que tras o encontro de Cádiz desprazarase directamente a Madrid para incorporarse á concentración da Selección Española absoluta, outra xogadora pontevedresa segue entrando nos plans dos equipos nacionais, nesta caso do sub-17. 

Trátase de Carol Agulla, que foi convocada para unha convocatoria que se celebrará do 15 ao 19 de outubro. Nela, a Selección Sub-17 disputará un encontro amigable ante Portugal na localidade lusa de Nazaré.