Gran resultado o conseguido por Lorena Patiño no Campionato do Mundo de Cros Country Olímpico (XCO) que se está a celebrar na localidade de Valais, en Suíza.
A ciclista marinense logrou un brillante Top-10 na cita mundialista, un resultado celebrado pola Real Federación Española de Ciclismo pola dificultade que supón.
Patiño completou unha sólida carreira, na categoría júnior feminina, de menos a máis.
Así tras completar a primeira do cinco voltas ao circuíto na 13ª posición, foi remontando até chegar a meta na décima posición a moi poucos segundos da austriaca Antonia Grangl, que foi novena.
"Inmensa carreira, realizando unha gran remontada, para demostrar o seu altísimo nivel", sinalou a Federación.
Lorena finalizou a 5:28 da gañadora e dominadora absoluta da cita mundialista, a eslovena Maruša Tereza Šerkezi, que completou a proba en 1 hora, 1 minuto e 27 segundos.
A medalla de prata levoulla a suíza Anja Grossmann (+1:13) e o bronce a checa Barbora Bukovská (+2:50).
Era a segunda carreira da marinense no Mundial de BTT, que xa participara na proba de remudas (Team Relay) na que a Selección Española concluíu na undécima posición.