Preparación en altura para Lorena Patiño ante un reto 'Mundial'

Marín
12 de agosto 2025

A marinense participará nunha concentración no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada para ultimar a súa preparación para o Campionato do Mundo de BTT

Lorena Patiño, no Campionato de Europa de Melgaço
Lorena Patiño, no Campionato de Europa de Melgaço / Federación Española de Ciclismo

A tempada de BTT aínda garda un reto xigantesco para Lorena Patiño.

Tras a súa participación no Campionato de Europa en Melgaço, no que finalizou no 16º posto, a ciclista marinense mira agora cara ao Campionato do Mundo de Cros Country Olímpico (XCO).

Os Mundiais de BTT, en todas as súas disciplinas, celebraranse entre o 1 e o 14 de setembro nos Alpes suízos, concretamente en Crans-Montana.

Alí estará Patiño, confirmada como unha das integrantes da Selección Española para competir na categoría júnior.

Pero antes da cita, a nova promesa participará con gran parte da Selección nunha concentración no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Sierra Nevada.

Serán tres semanas de adestramento en altura nas que se buscará afinar a posta a punto para a competición mundialista.

En concreto, segundo informa a Real Federación Española de Ciclismo, a concentración dará comezo este venres 15 de agosto e finalizará o día 4 de setembro, apenas un par de días antes de ter que voar cara a Suíza.

Ademais de Lorena Patiño, participarán nos adestramentos de Sierra Nevada os ciclistas Irene García, Guillermo Parrado, Alejandro García, Hugo Franco, Francesc Barber, Nuria Bosch e David Campos, xunto á seleccionadora Anna Villar e o resto do seu staff técnico.