O ciclocrós pontevedrés estará representado no gran evento anual do ano, o Campionato do Mundo.
A Selección Española confirmou este xoves os 15 ciclistas que competirán no Mundial que se celebrará na localidade francesa de Liévin do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro.
Entre eles atópase a júnior marinense Lorena Patiño, que vén de ser oitava na Copa do Mundo de Benidorm e que foi décima no Campionato de Europa de Pontevedra.
A ciclista do XSM de Marín competirá na proba individual júnior feminina prevista para o sábado 1 de febreiro ás 11.00 horas, e conta con opcións de formar parte do equipo de remudas Team Relay que abrirá fogo o primeiro día de competición.
A campioa de España de ciclocrós buscará en Francia mellorar o posto 24 logrado hai un ano na súa estrea mundialista.
#Lievin2025 | Felipe Orts lidera a convocatoria do #TeamESPciclismo🇪🇸 para o Mundial de Ciclocrós de Liévin🌈
— Real Federación Española de Ciclismo (
✅O equipo nacional viaxa até Francia cunha expedición de 15 ciclistas liderada polo subcampión de Europa e unha ilusionante xeración de mozas.… pic.twitter.com/IPk5I4oieCRFECiclismo) January 23, 2025
Ademais na Selección Española estarán dous corredores do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, ambos os dous de categoría sub-23.
Trátase de Miguel Rodríguez, que na súa última tempada como menor de 23 anos pelexará por un bo resultado, e de Raúl Mira.
A programación do Mundial de ciclocrós arrincará o venres 31 de xaneiro coa carreira Team Relay (12.30 horas), para continuar o sábado coa proba júnior feminina (11.00 horas), a sub-23 masculina (13.00 horas) e a elite feminina (15.00 horas). Por último o domingo celebraranse as probas júnior masculina (11.00), sub-23 feminina (13.00) e elite masculina (15.00 horas).