O partido entre o Pontevedra Club de Fútbol e o Salamanca CF UDS non o quixeron perder diferentes personalidades, presentes nas bancadas e o palco do Estadio Municipal de Pasarón.
Un deles era o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que presenciou o choque á beira da presidenta da entidade granate Lupe Murillo.
O rexedor felicitouse polo feito de que "o Adarve axudou un pouco, pero en todo caso creo que foi un ascenso merecido, que fixeron unha gran tempada, e o Pontevedra merece estar máis arriba".
Ademais Lores valorou a gran entrada rexistrada en Pasarón. "A xente respondeu, houbo moitísima xente", e é que "o deporte fainos subir a paletilla a todos dalgunha maneira, é unha seña de identidade importante, e eso fai cidade", concluíu.
GORKA GÓMEZ, DEPUTADO PROVINCIAL DE DEPORTES
Tamén se atopaba no palco o responsable de deportes na Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, quen se alegrou "especialmente pola presidenta, que sei que o pasou moi mal este ano, e sobre todo pola afección".
Para o deputado "Pontevedra merécese ter un equipo en Primeira RFEF e non só en Primeira RFEF senón no fútbol profesional, e creo que esta é a primeira pedra para poder volver ver ao Pontevedra onde se merece".