Lourdes Domínguez está de volta no circuíto profesional... como adestradora

Pontevedra
07 de agosto 2018

A ex-tenista pontevedresa iniciou unha nova etapa, pero sempre ligada ao mundo da raqueta. Fíxoo en Barcelona xunto a Ana Alcázar como adestradora de novos talentos, entre os que destaca Aliona Bolsova, xogadora de 20 anos que en pouco máis dun mes subiu máis de 150 postos no ránking WTA para colcarse como número 185

Lourdes Domínguez nas instalacións do Liceo Casino na Caeira
Lourdes Domínguez nas instalacións do Liceo Casino na Caeira / Mónica Patxot

Non pasaron nin dous anos desde que Lourdes Domínguez anunciase a súa retirada do tenis profesional, despois dunha longa carreira que lle levou a ser considerada a mellor tenista galega da historia. Por aquel entón xa deixaba intuír por onde podía discorrer o seu futuro, sempre ligado ao deporte da raqueta.

Agora, despois dun período de descanso, ese futuro pasa por volver ao circuíto profesional como adestradora. 

En Barcelona Lourdes comezou a traballar coa súa compañeira e amiga Ana Alcázar cun grupo de xogadoras entre as que destaca Aliona Bolsova, tenista española de 20 anos que desexa chegar lonxe na WTA.

O certo é que os resultados non se fixeron esperar, e Aliona en pouco máis dun mes pasou de estar próxima ao posto 350 do ranking mundial a situarse no posto 185. O motivo deste ascenso foron os seus dous triunfos consecutivos nos torneos ITF 25.000 en Darmstadt (Alemaña) e Getxo, no País Vasco.

No horizonte asoma xa a fase previa o US Open, último Grand Slam do ano para o que a xogadora de orixe Moldavo xa ten billete, coa confianza que lle deu o traballo coas súas novas adestradoras.

Trátase só do inicio dunha etapa, pero que de seguro reportará grandes éxitos a Lourdes Domínguez, que como xogadora chegou a gañar dous torneos WTA e outros 17 de categoría ITF e a situarse entre as 40 mellores raquetas do Mundo.