Louzán, optimista ante as eleccións á presidencia da Federación Galega de Fútbol

Pontevedra
17 de decembro 2014

O presidente da Deputación confía en impoñerse ao actual mandatario, José García Liñares, na votación que se celebrará este xoves no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela

Rafael Louzán nunha visita ao polígono industrial de Barro-Meis
Rafael Louzán nunha visita ao polígono industrial de Barro-Meis / Mónica Patxot

O proceso electoral á presidencia da Federación Galega de Fútbol entra nas súas horas finais con dous candidatos ao posto de máximo responsable autonómico deste deporte, o actual dirixente José García Liñares e Rafael Louzán.

O presidente da Deputación de Pontevedra móstrase optimista ante as eleccións, nas que espera impoñerse convencido de que é necesario un cambio na dirección federativa do deporte con maior número de licenzas na Comunidade.

Segundo Louzán as preto de 100.000 fichas do fútbol afeccionado e de base "teñen que sentir que vai haber unha federación diferente, transparente e sobre todo cercana. Estamos ante a oportunidade de que gañe un cambio, outra maneira de traballar".

Dende ambas as dúas candidaturas aseguran ter o voto de polo menos 76 asambleistas, os necesarios para lograr a presidencia, polo que a pelexa nas urnas se prevé moi disputada.

A votación celebrarase ás 21:00 horas do xoves no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, poñendo fin así a un proceso electoral que estivo marcado polas acusacións de amaño no voto por correo no caso de Liñares e a resposta deste acusando a Louzán de usar a Deputación na súa campaña.