Louzán presenta o seu proxecto para curar as feridas do fútbol español

Pontevedra
13 de decembro 2024
Actualizado: 19:26

Rafael Louzán presentou este venres a súa proposta para liderar a Real Federación Española de Fútbol. O candidato aposta pola unión de todo o fútbol español para afrontar os retos do futuro e recuperar a confianza na institución

Rafael Louzán, presidente da RFGF
Rafael Louzán, presidente da RFGF / Real Federación Galega de Fútbol

O presidente da Federación Galega de Fútbol e candidato á presidencia da Real Federación Española, Rafael Louzán, presentou este venres durante un xantar informativo en Madrid o seu programa co que erixirse como mandatario da institución.

"Equipo e unión son os meus lemas, e xestión e fútbol son os miñas dúas grandes paixóns que puiden unir nos últimos anos na RFGF e agora teño a oportunidade, o privilexio e a confianza de poder facelo na mellor e máis importante federación do mundo. Será unha honra poder facelo para devolver ao fútbol español todo o que se merece", indica Louzán no arranque da súa presentación.

Para o presidente da Futgal é necesaria a unión de todo o fútbol español, tanto profesional como afeccionado, para encarar os retos do futuro, e considera que a institución se debe igualar ao "extraordinario" nivel de xogadores, técnicos e árbitros para así estar rexida pola estabilidade, o rigor e a profesionalidade.

Neste sentido, aposta por fortalecer o cumprimento dos códigos de boa gobernanza e que tan danados están dentro da Federación, especialmente a raíz do mandato de Luis Rubiales, da súa agresión sexual a Jenni Hermoso e das coaccións ás xogadoras da selección.

É por iso que, entre outras cousas, Louzán quere que haxa un compromiso social e sostible e que se protexa a saúde mental dentro do fútbol, implantar políticas activas de protección da infancia ou pór en marcha a Copa do Rei/Raíña inclusiva.

O candidato á presidencia indicou tamén que unha das súas prioridades é fomentar o apoio ao fútbol afeccionado con iniciativas e proxectos ademais de estar do lado das Federacións Territoriais que "son as que fan posible o 90% do noso fútbol".

FÚTBOL FEMININO

Outra das patas nas que Rafael Louzán quere incidir é en seguir avanzando e apostando pola igualdade e o desenvolvemento do fútbol feminino. "Os conflitos deben quedar atrás definitivamente e temos que traballar todos os estamentos xuntos para ofrecer ás futbolistas as mellores ferramentas e o escenario idóneo para que poidan progresar", sinala.

É por iso que buscará pór en marcha programas para aumentar o número de licenzas e desenvolver competicións exclusivas de fútbol feminino e fomentar o apoio económico a clubs que aposten de forma firme e sólida polo crecemento a través da creación de estruturas con equipos desde as categorías inferiores.

Entre os seus obxectivos tamén se atopa o traballar no avance da profesionalización do fútbol feminino, da man da liga F; analizar as competicións para que haxa maior competitividade; crear un convenio de competición; aumentar a un 40% a presenza de mulleres na Xunta Directiva da RFEF, ou desenvolver un modelo da Supercopa que permita unha maior protección.

FÚTBOL SALA E FÚTBOL PRAIA

Louzán quere potenciar as competicións de fútbol sala, reformando a Supercopa, a Copa do Rei/Raíña, avanzar coa UEFA na creación dunha Champions feminina e promocionar grandes competicións.

Da man do COE, traballará para que o fútbol sala se inclúa no programa dos Xogos Olímpicos e solicitará a organización do Mundial Feminino Futsal do ano 2028.

Tamén quere apostar porque haxa maior presenza dos partidos na televisión en aberto, establecer un horario fixo de televisión, incrementar os ingresos por patrocinios e dereitos de televisión, fomentar a profesionalización e estabilidade dos clubs, crear un fondo que actúe como respaldo en casos de falta de pagamento e igualar as axudas territoriais.

No caso do fútbol praia, o candidato á presidencia insiste en que a Federación debe pór en marcha a creación de instalacións apropiadas nas que practicar esta disciplina durante todo o ano.

A súa intención é albergar as grandes competicións internacionais, construír unha instalación fixa na Cidade de Fútbol de Las Rozas e pór en marcha unha competición nacional regular durante todo o ano.