Lucía Rivas, campioa de Europa con España tras golear a Inglaterra (4-0)

Umia
18 de maio 2024

A Selección Española Sub-17, coa futbolista caldense Lucía Rivas, proclamouse campioa de Europa despois de golear a Inglaterra por catro goles a cero. España logrou pleno de vitorias nos cinco partidos da competición e consegue por quinta vez na súa historia o Europeo sub-17 en categoría feminina  

Lucía Rivas (18) celebra coa Selección Española o Campionato de Europa Sub-17 en Suecia
Lucía Rivas (18) celebra coa Selección Española o Campionato de Europa Sub-17 en Suecia / UEFA Women's EURO

A Selección Española Sub-17, coa futbolista caldense Lucía Rivas, proclamouse campioa de Europa despois de golear a Inglaterra por catro goles a cero. España logrou pleno de vitorias nos cinco partidos da competición e consegue por quinta vez na súa historia o Europeo sub-17 en categoría feminina.

As pupilas de Kenio Gonzalo foron moi superiores ao seu rival durante todo o encontro, pero foi nos instantes finais do primeiro tempo cando se fixo patente cun dobrete de Alba Cerrato en tan só catro minutos.

Xa na segunda metade, as xogadoras inglesas viñeron abaixo. Só recibiran un gol en todo o campionato e na súa primeira final continental da categoría xa estaban a recibir dous goles. Tentaron, iso si, recortar diferenzas e meterse no duelo, pero pronto caeu o terceiro tanto. Asistencia de Lúa pola esquerda e Segura rematou desde o primeiro pau. Oito minutos despois, repetiu como goleadora para facer o cuarto e definitivo.

En canto a Lucía Rivas, participou en tres dos cinco partidos disputados neste Campionato de Europa. Na primeira xornada ante Portugal saíu desde o banco no minuto 82 (3-0), foi titular na goleada a Bélxica (5-0) coa que concluíu a primeira fase e participou na semifinal contra Francia tras substituír á tamén galega Lúa Arufe no minuto 60 (6-1).

Durante a celebración, a xogadora de Caldas de Reis non se quixo esquecer do equipo que a viu crecer, o Atlético Cuntis, e luciu a bufanda do club xunto á bandeira de Galicia.