Lucía Vázquez, en plena forma antes de afrontar o Campionato de España

Vilaboa
05 de xullo 2016

A ciclista de Vilaboa sumou un novo triunfo no calendario portugués ao impoñerse na quinta edición do BTT de Vila do Conde, nunha proba marcada pola calor que dificultou as evolucións dos deportistas

Lucía Vázquez durante a primeira proba da Taça de Portugal
Lucía Vázquez durante a primeira proba da Taça de Portugal / Lucía Vázquez

A poucos días do Campionato de España de BTT, que se celebrará a mediados de mes na localidade ourensá de Maceda, Lucía Vázquez demostrou estar en plena forma e con ganas de pelexar polo título nacional, un dos seus grandes obxectivos da tempada.

A ciclista de vilaboa impúxose na quinta edición do BTT de Vila do Conde, en Portugal, na modalidade de Cros Country Olímpico (XCO).

A competición supoñía un test, pero a intensa calor converteu a carreira nunha proba de supervivencia máis que nun adestramento de nivel. "A temperatura corporal subiu demasiado e estiven moi mareada. Temín perder a consciencia", sinalou Lucía.

A pesar dos preto de 40 graos de temperatura que marcaba o termómetro, a pontevedresa dominou a carreira nun circuíto "moi duro e técnico" e entrou en solitario en meta tras 1 hora e 35 minutos de esforzo.

O triunfo únese aos conseguidos nas últimas semanas en Matosinhos ou no Campionato de Galicia, que reforzan a súa confianza antes dun dos momentos máis importantes da tempada.