Lucía Vázquez inicia en Valencia a súa defensa do Open de España

Vilaboa
03 de marzo 2016

A ciclista de Vilaboa estará o domingo na liña de saída dos Internacionais de Chelva, primeira proba do Open de España de cros country (XCO)

Lucía Vázquez competindo esta tempada en Chipre
Lucía Vázquez competindo esta tempada en Chipre / Lucía Vázquez

Os Internacionais de Chelva, na Comunidade Valenciana, inauguran este domingo 6 de marzo o Open de España de Cros Country Olímpico (XCO), competición na que defende título Lucía Vázquez.

A ciclista de Vilaboa ten como obxectivo esta tempada progresar no ránking internacional e encamiñou a súa preparación ás citas da Copa do Mundo, pero non renuncia a realizar un bo papel no Open. Ademais "esta carreira é a única C1 do Open de España, as outras catro son C2", explica a biker en relación á categoría e puntos a repartir na proba.

En Chelva espera "estar na loita pola vitoria ou por subir ao podio porque o triunfo vaise poñer moi caro se finalmente participa a número seis do mundo Irina Kalentyeva", sinala. 

Salvando á rusa, as principais rivais da vixente campioa galega serán as españolas Rocío Martín (Primaflor-Orbea) e Sandra Santanyes (MMR Powerada). 

Lucía chega con boas sensacións tras asinar unha 29ª posición na Cyprus Sunshine Cup a pasada semana nunha carreira por etapas que contaba cun grande nivel competitivo. "Volvín contenta e sorprendeume facelo tan ben. Gustaríame quedar un pouco máis arriba na clasificación, pero coa lista de inscritas que había é para estar satisfeita", explicou a cislista pontevedresa tras esta competición.