Lucía Vázquez pasa ao ciclocrós no inicio da pretempada

Vilaboa
12 de novembro 2015

A ciclista de Vilaboa, recuperada do golpe no xeonllo sufrido nun leve atropelo mentres adestraba, participará esta fin de semana en dúas carreiras de ciclicrós do calendario galego

Lucía Vázquez, biker de Vilaboa
Lucía Vázquez, biker de Vilaboa /

Recuperada do golpe no xeonllo e o susto polo leve atropelo sufrido hai poucos días, Lucía Vázquez retoma a súa pretempada e faino cambiando por uns días de especialidade.

Coa bicicleta BTT aparcada polo momento, a ciclista de Vilaboa comezará a competir a próxima fin de semana participando en dúas probas do calendario galego de ciclocrós.

Lucía tomará parte o sábado na primeira proba da Copa Galicia desta modalidade que se celebrará no Rosal, mentres o domingo desprazarase a Santiago de Compostela.

Aínda que non sexa unha habitual do ciclocrós os seus resultados son máis que positivos, sendo nove veces campioa galega elite.

A pesar desta incursión, o obxectivo de Lucía Vázquez para a tempada que está a empezar será dar un paso adiante no BTT a nivel internacional e pelexar a clasificación para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.