Lucía Vázquez, prata no Campionato de España de mountain bike disputado en Panticosa (Huesca)

Vilaboa
21 de xullo 2014

O resto da participación da corredora do Vicma no Campionato de España saldouse con dous quintos postos

Lucía Vázquez, durante a súa participación nunha proba recente
Lucía Vázquez, durante a súa participación nunha proba recente / Comunicación Lucía Vázquez

Lucía Vázquez subiu ao podio do Campionato de España de mountain bike celebrado na localidade oscense de Panticosa. Ocupou a segunda praza na proba disputada en formato eliminator. A pontevedresa do Vicma Bike Team tan só foi superada na carreira final pola catalá Sandra Santanyes (Bicilocura-Primaflor).

A modalidade de eliminator estreábase este ano no programa da gran cita do mountain bike español cun espectacular trazado polas rúas da poboación pirenaica.

Cunha contra o reloxo individual iniciouse a competición para establecer os emparellamentos nas roldas eliminatorias. Despois de impoñerse con autoridade en cuartos de final e semifinais, a biker de Vilaboa logrou o pase para a manga definitiva na que se ían repartir as medallas. Sandra Santanyes, Anna Villar e Amparo Chapa foron as outras clasificadas.

Unha mala saída na final obrigou a Vázquez a remontar dende a última posición no estreito e explosivo circuíto aragonés. A vixente campioa de Galicia superou a dúas das súas rivais, pero quedou sen tempo para alcanzar a Sandra Santanyes e tivo que conformarse coa medalla de prata.

O resto da participación da corredora do Vicma no Campionato de España saldouse con dous quintos postos.

Na proba Rally sufriu dúas caídas e non tivo boas sensacións o que lle impediu loitar por unha praza no podio. A fortuna tampouco acompañou a vilaboense na competición de Team Relay por comunidades autónomas. O primeiro relevista de Galicia sufriu unha picada que lastrou as opcións de medalla do conxunto no que Vázquez foi a representante feminina.