Lucía Vázquez revalida título en Portugal

Vilaboa
19 de setembro 2016

A ciclista de Vilaboa certificou o título na Taça de Portugal ao grande, impoñéndose na quinta e última proba puntuable disputada este domingo na localidade de Oliveira de Azeméis

Lucía Vázquez celebra a vitoria en Oliveira de Azeméis
Lucía Vázquez celebra a vitoria en Oliveira de Azeméis

Por segunda tempada consecutiva, e por terceira vez na súa carreira, Lucía Vázquez proclamouse campioa da Taça de Portugal de BTT na modalidade de cros country olímpico (XCO).

A biker de Vilaboa fíxoo ademais ao grande, impoñéndose na quinta e última proba puntuable disputada este domingo na localidade de Oliveira de Azeméis.

Lucía chegou a esta cita con dez puntos de vantaxe respecto de Maaris Meier (ProRebordosa) e mentalizada para vixiar de preto á estoniana nun circuíto onde a vixente campioa galega nunca gañara. Con todo, a súa principal rival non tivo o seu mellor día e Vázquez sentenciou este certame con máis comodidade da prevista. 

Meier marcou o ritmo inicial, pero a que se tentou escapar na cabeza foi a portuguesa Joana Monteiro. "Deime conta que a estoniana non era hoxe a miña rival. Paseina e funme a pola portuguesa. Estiven algo á súa roda, gardando forzas, e na terceira volta ataquei" sinalou a pontevedresa, que chegou en solitario a meta.

Con 37 segundos de vantaxe sobre a lusa, a corredora de Vilaboa festexou a súa vitoria na liña de meta tras 1 hora, 28 minutos e catro segundos de esforzo. Segunda na xeral da Taça foi Maaris Meier e terceira Monteiro.