Lucía Vázquez roza o seu terceiro título en Portugal tras vencer en Fundao

Vilaboa
17 de maio 2016

A ciclista de Vilaboa impúxose na penúltima proba da Taça de Portugal e reforza o seu liderado distanciando á súa principal rival, a estoniana Maaris Meier, que foi cuarta

Lucía Vázquez cruza a meta en Fundao, na Taça de Portugal
Lucía Vázquez cruza a meta en Fundao, na Taça de Portugal / Lucía Vázquez

Importante paso de Lucía Vázquez para revalidar o seu título de campioa na Taça de Portugal de Cros Country (XCO), que sería o seu terceiro campionato no país veciño.

A ciclista de Vilaboa logrou o seu primeiro triunfo na competición na cuarta e penúltima cita do calendario, en Fundao, conseguindo ademais abrir oco coa súa principal rival, a estoniana Maaris Meier, que foi cuarta e á que avantaxa agora en 10 puntos.

En Fundao a portuguesa Joana Monteiro (ASC) marcou o ritmo na cabeza de carreira ata o primeiro paso por meta e a metade da segunda volta Vázquez atacou na subida máis dura.

"Fun controlando para non caerme, nin cometer fallos que me puidesen provocar un problema mecánico porque o circuíto tíñaas todas para poder amolar un bo posto entre o barro e as zonas técnicas", sinalou Lucía tras a proba. Chegou primeira a liña de meta cun tempo de 1 hora 31 minutos e 57 segundos. Segunda foi Monteiro a case dous minutos e terceira Ana Vale a 3:36 da pontevedresa.

O triunfo ten ademais valor dobre, e é que ao tratarse dunha proba de categoría C1 para a Uniñon Ciclista Internacional outorga 60 puntos a Lucía Vázquez para o ránking mundial.

A Taça de Portugal vivirá o seu desenlace o 18 de setembro en Oliveira de Azemeis.